Publicado por: xoán | Xaneiro 20, 2010

Cultura acomplexada

 

O Conselleiro de Cultura volveu falar (ou será mellor dicir que abriu a boca?).

Xa coñecíamos as súas simplicidades.

Aínda lembramos cando dixo: “Eu a Galicia prefiro añorala a vivir nela” e despois aterrou aquí de Conselleiro. Debeu ser aí onde se inspirou para a campaña Agora é cando, Galicia é onde, lema do Xacobeo 2010.

E logo aquilo de que a cultura galega está ben pero limita.

Pois nada, o home segue . Agora resulta que a cultura galega “É unha cultura que segue ensimesmada e acomplexada”

Debemos recoñecer que é un privilexio ser gobernados por xente que ten esta altura de miras e esta claridade expositiva!!!

Mais chegando aquí quero deixar o meu ensimesmamento e acomplexamento e tomar prestadas unha palabras que encontrei na bitácula No vento de Cavanardá.

 

Din así:

“Ocorre, porén, que o discurso non se mantén de pé nin con muletas. É poñerse a buscar o tal ensimesmamento e dá un con Rosalía , coas Irmandades da Fala (Galiza, célula de universalidade), coa Xeración Nós (é preciso volver, outra volta, á repetida referencia ao Ulysses?), con Suárez Picallo, con Castelao, con Seoane e Maside, con Cunqueiro e Blanco Amor, … e do ensimesmamento ese … nada, nin noticia. Será que os óculos meus van mal de lonxe e ven mellor de cerca, penso. Busco de novo e tropezo con Fernández Paz e Xabier Docampo, coa literatura galega infantil e xuvenil, coa música de raíz -Mercedes Peón, Berrogüetto, Milladoiro, Luar na Lubre-, coa banda deseñada. Todos andan dun lado para outro, un algo cansos de ter que pasar por Barajas e non poder saír directamente de Santiago a recoller os premios que, por Europa e polo mundo adiante, lles van concedendo ano a ano. U-lo ensimesmamento, u-los complexos? Quen cho sabe, chico! Non hai maneira de dar con eles. Proba un a mercar lupas novas e tampouco: velaí o Carlos Núñez facendo o disco no Brasil, a Descarga ao Vivo tecendo pontes e investigando en Cuba, o Narf máis atlántico mesturando lingua e ritmos na Guiné Bissau ou Moçambique, as Batuko Tabanka achegando Cabo Verde a Galiza. Pola beira daló os mozos e mozas de Rede.cat, en Barcelona. As Ialma e Muziek Publique en Bruxelas. Uns xaponeses chegan cos cedés de Galician Tunes e preguntan se este ano a Galiza estará en Womex, en Popkomm, en Midem, e outro pasea pola Alameda cun catálogo de Galician Books, a ollar para os novos escritores do país. Pregúntolles a eles se viron por alí o tal ensimesmamento, os tais complexos, e dinme que non pero que saben o camiño de Conxo, amabelmente. Buscarei no Sons da Diversidade, no Cantos na Maré, no Festival dos Abrazos, nas propostas de Sinsal ou do Centro Coreográfico Galego, en Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Teresa Moure, Ferrín. E neste 2010, en Carvalho Calero e Novoneyra. A ver se neles…”

 

 

Non deixen de ler o artigo completo, e mañá saian dese ensimesmamento para acudir á manifestación en Santiago. Que nos vexan na rúa sen complexos.

Segundo o Sr. Varela: ” O decreto só poderá traer cousas boas para xente coma min

Ben mirado, ten razón, non ten?

O decreto só traerá cosas boas para xente coma el, xente que odia o galego, a lingua e a cultura e quen sabe se, de paso, non se odiarán a si mesmos.


 

Publicado por: xoán | Xaneiro 7, 2010

NORMALIZACIÓN. Por que non?

O idioma galego comparte con outros moitos idiomas do mundo a condición de lingua non normalizada ou en vías de normalización e desde hai tempo a sociedade galega reclama unha serie de medidas de normalización lingüística, entendida esta como o proceso que ten como obxectivo conseguir que unha lingua que está minorizada, isto é, que non chega a todos os ámbitos de uso, especialmente os formalizados, poida ser utilizada con normalidade en calquera situación comunicativa da vida cotiá, ou o que é o mesmo, o emprego normal desa lingua no seu territorio, que sexa utilizada en todas as funcións, en todos os ámbitos e por parte de todos os membros da comunidade.

Por outra parte, a normalización lingüística prodúcese cando todos os cidadáns teñen competencia nesa lingua e cando desaparecen os prexuízos de carácter diglósico que coartan a súa utilización social.

Son necesarios pois os dous elementos: competencia e ausencia de prexuízos e mentres tanto non podemos falar de normalización, e por iso nos derradeiros trinta anos a palabra normalización estivo presente en todos os debates e documentos referentes ao idioma, porque se trata de facer normal o que non é.

É de todos e todas coñecido que, na actualidade a pretensión lingüística oficial pasa por alcanzarmos o bilingüismo amable ou cordial, antes harmónico, termos que nin sequer entran dentro da utopía e si do imposíbel, do inalcanzábel por inexistente. Esta teoría, que aparece plasmada en documentos legais, prestixiada en traballos universitarios e divulgada en debates políticos e radiofónicos desde hai máis de 40 anos procura mudar as tácticas impositivas tradicionais por outras máis permisivas na forma pero igualmente asimilacionistas. Así, na Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentan (nos debates que se dan nas Cortes, con Antonio Rosón – despois Presidente- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das “linguas maternas” para desde aí aprender mellor o castelán. Algo parecido se tiña feito en América do Norte co resultado xa coñecido de asimilación das linguas orixinarias por parte do inglés.

Mais unha cousa é introducir o galego no ensino e outra é darlle carta de normalidade social, de modo que partir do final década de 70, e como sustento legal a esta teoría, comeza a elaboración dunha lexislación que ten como finalidade encapsular a presenza do galego no ámbito do ensino desatendendo totalmente todos os demais ámbitos.

O plano Xeral de Normalización da Lingua Galega recoñece que, se ben se teñen dado avances, o galego non é a “lingua de uso normal e preferente en Galicia” e é necesario avanzar en procesos que nos permitan “vivir plenamente en galego” É evidente que se está a indicar que son precisas medidas normalizadoras. Sendo isto así, por que, entón, no documento de Bases para a elaboración do novo decreto que regulará a presenza do galego no ensino non aparece a palabra NORMALIZACIÓN?

O actual Secretario Xeral de Política Lingüística, responsábel do texto das Bases para a elaboración do novo decreto, foi o Secretario da Comisión Sectorial número 2. Educación Familia e Mocidade, da que eu tamén formaba parte. Na introdución a aquel documento non se oculta que son necesarias medidas favorables ao galego se queremos conseguir ese equilibrio que o plano xeral e outros documentos demandan. Nunha palabra, demándanse e propóñense medidas normalizadoras. Por que entón se foxe do termo normalización, ou o que é peor, por que se toman medidas tendentes a diminuír a competencia lingüística dos escolares, a favorecer a desigualdade entre os dous idiomas e, en definitiva, a lexislar contra as propostas do PXNL?


 

Publicado por: xoán | Decembro 31, 2009

2010: The Year We Made Contact

Xa está aquí.
Chegou.
2010.
Cento e vinte e cinco anos após a morte de Rosalía. Ano de Novoneira. Centenario do nacemento de Carvalho Calero e Luís Seoane.
E tamén do máis esplendoroso avistamento desde a terra do cometa Halley.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que tomamos contacto. Contacto coas teorías do plurilingüismo do sr. Feijoo, do sr. Vázquez, do sr. Lorenzo, da sra. Lago, do PP. A trindade lingüística do sistema educativo. Tres linguas distintas mais só unha verdadeira: a que utiliza o sr. Feijoo como delegado rexio falando da indivisibilidade de España; a que utiliza o sr. Arcebispo de Santiago para abrir a porta santa co seu martelo de prata; a que utiliza maioritariamente a administración de xustiza; a que utiliza cada vez máis a CRTVG.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que se obriga os centros educativos a utilizar o español cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, cando mesmo nos podemos dirixir en galego a institucións europeas. Curiosa maneira de exercer os nosos dereitos.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que os centros  educativos  deberán presentar  un horario semanal equilibrado de materias impartidas en galego, castelán e lingua(s) estranxeira(s),como se dunha dieta alimentar se tratar.

2010: The Year We Made Contact
O ano en que se regulamenta expresamente contra o galego.
2010: The Year We Made Contact
O ano en que tomamos contacto, agora si, coa verdadeira imposición, aínda que para iso haxa que prostituír as palabras democracia ou liberdade.

Publicado por: xoán | Decembro 2, 2009

Vender ou informar?

 

Sabemos da facilidade, ás veces mesmo necesidade, de os seres humanos nos aproximarmos á frivolidade e ao sensacionalismo. Coñecemos o gusto polo macabro e mesmo poderíamos comprender a sensación íntima de poder que dá a violencia e o sufrimento alleos. Quen sabe se, no máis profundo, non estaremos convencidos de que se lemos ou contemplamos as desgrazas alleas non nos estamos, en certa maneira, como se dun ritual se tratar, protexendo contra as que a nós nos poidan avir. Posuímos o gusto por estas cousas xa desde antigo. Algúns aínda lembramos o tempo en que, nas feiras, se vendían follas de cores que en forma de romance referían truculentas historias de mortes, de traizóns, de vinganzas, de amores e de desamores; e o referido naquelas follas adquiría no imaxinario colectivo carta de veracidade, tal é o poder da letra impresa nunha sociedade iletrada.

Hoxe xa non existen esas follas de cores, mais o seu espazo non ficou baleiro. Son outros os formatos e tamén as intencións duns xornais que tanto informan dun crime como che venden, co correspondente cupón, un coitelo ou un libro, un xamón ou unha colección de discos.

E mudou algo? Mudou. Certos medios pasaron o limiar do eticamente permisíbel para caer na información sensacionalista, morbosa, macabra mesmo, sendo neste caso algúns medios televisivos os pioneiros na arte de lanzar información sen contrastar, en converter a realidade nunha grande serie de ficción onde o argumento se vai construíndo en directo.

As novas follas de cores en formato dixital.

Neste contexto, a recente morte accidental dunha nena en Tenerife, e a culpabilización mediática inmediata dun mozo, é unha boa proba dun novo papel adoptado por unha parte da industria mediática: inventar a realidade ou desvirtuala de tal maneira que acabe por parecer a verdade absoluta aínda que sexa a falsidade máis aberrante.

Que un periódico considerado serio titule “Novio, canguro y asesino” para “informar” da morte dunha cativa de 3 anos e logo intente disimular a súa enorme falta de compromiso coa ética xornalística acudindo a un articulista para nos convencer de que é a sociedade, corrupta de tanta propaganda oficial e de histeria mediática a verdadeira culpábel, debería levarnos a meditar, ou a fuxir correndo para nos baixar deste mundo cada vez máis triste.

Que o director dun periódico manifeste: “Porque fuimos nosotros, los medios de comunicación y no los enfermeros, ni los fiscales, ni los guardias civiles, ni nadie más, quienes fotografiamos, titulamos y dimos la portada a Diego como el culpable…” podería parecer unha desculpa sincera se unhas liñas antes non afirmase: “No tengo el gusto de conocer a Diego y sinceramente me gustaría poder mirarlo cara a cara. También me gustaría escuchar su valoración de lo ocurrido, de las líneas y líneas que dedicamos en 48 horas a presentar la muerte de Aitana como un martirio del que él era el único responsable” Bágoas de crocodilo á espreita da próxima presa que confirman o desexo de seguir convertendo en portada mediática este caso e de continuar alimentando esa voracidade colectiva polo sensacionalismo e pola desinformación.

No meu labor docente utilizo semanalmente a prensa na aula e sei que os meus alumnos e alumnas acreditan na veracidade do que aparece escrito, perciben os diferentes enfoques ideolóxicos que podemos dar a unha noticia e comprenden que non existe o punto de vista único e que a realidade pode ser observada desde máis dunha perspectiva. Sei que, no fundamental, achan veraz a información e comprenden a pluralidade ideolóxica da sociedade. Mais non entenden que, igual que Marat poñía no seu “L’Ami du peuple” o nome de quen ía ser guillotinado no día seguinte por traidor á Revolución sen ter nunca a posibilidade de demostrar a súa inocencia, tamén agora unha persoa, un grupo, unha ideoloxía pode ser posta no albo da diana e recibir as frechas sen oportunidade de saír da encirrada. Nin sequera os medios públicos escapan a esta tendencia. Non foi así a entrevista que Carlos Luís Rodríguez fixo a Carlos Callón? Xornalismo agresivo, parece que chaman.

Só é lanzar a idea, que o resto chega só. Que outra cousa, senón, fixo a prensa máis contraria ao proceso de restauración lingüística, e a todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade, e con ela as forzas políticas que a serven e da que dependen?

Só é cuestión de achar os titulares adecuados, aqueles que venden: imposición e liberdade. Pouco importa que os informes todos digan o contrario pois a sentenza xa está ditada.

Que pensar desta prensa que opta por vender antes que por formar, por informar?

Publicado por: xoán | Novembro 18, 2009

Lingua e custodia

A recente sentenza do Tribunal Supremo, avalando a normativa que en materia lingüística se está a aplicar no ensino, ven de ter o seu contrapunto na pretensión dun xulgado de Madrid de retirar a custodia das súas fillas a unha nai que se trasladou a vivir a Vigo debido a que, segundo os prexuízos daquel xuíz ou xuíza, a educación que van recibir é en galego e iso non é útil ou, como diría o noso conselleiro de Cultura, limita.

Resulta sintomático que iso suceda ao mesmo tempo que se dicta a sentenza que pon por terra, esperemos que definitivamente, a argumentación que os dirixentes do Partido Popular, co Presidente á cabeza, viñan manifestando desde antes do seu acceso ao goberno, cando decidiron utilizar a falacia da imposición e comezaron a predicar “o dereito dos pais a elixir a lingua en que escolarizar os seus fillos”

Pois resulta que non, que elixir libremente a lingua de escolarización «non é expresión de ningún dereito fundamental» recollido na Constitución, e tampouco se vulneran Dereitos Humanos, pois o artigo 26 da Declaración Universal só garante aos pais o dereito preferente, que non exclusivo, a escoller «o tipo de educación» que reciben os seus fillos e fillas. E máis nada.

A Xustiza declara probado que nin a Declaración Universal nin a Constitución «garanten aos pais o dereito de elixir a lingua» e considera «absurdo» que tal cousa poida suceder, pois podería levar a que calquera persoa reclamase ser educada en calquera lingua do mundo. O Tribunal Supremo fecha definitivamente a vía xurídica aberta tras a reclamación dun pai que pedía que o seu fillo fose escolarizado exclusivamente en castelán e confirma que a circunstancia de coexistir dúas linguas na Galiza non só autoriza, senón que esixe un tratamento conxunto no nivel de estudos non universitarios. A discriminación produciríase precisamente no caso de a Administración autorizar o pretendido polo recorrente, no sentido de permitir que, a criterio do peticionario, se puidese cursar un determinado tipo de estudo con esquecemento ou marxinación dunha das linguas concorrentes.

No outro caso supoñemos a citada nai non ten ningunha restrición xudicial para ter a custodia das súas fillas en Alcorcón, ou en León se decidir trasladarse alí, ou en Sevilla, e se resulta que ao se trasladar a Vigo, lugar en que o Tribunal Supremo ratifica que é legal ter aulas en galego, se ameaza con retirar a custodia porque a educación que van recibir é en galego, obviamente estamos perante unha decisión que vai máis alá do estritamente xudicial e entra no terreo das consideracións ideolóxicas do maxistrado alcorconense.

Perante tal posibilidade preguntámonos:

1º.- Se os pais e nais non temos dereito a elixir a lingua en que han de estudar os nosos fillos e fillas, e é competencia da Administración establecer o currículo, ten un xuíz dereito a impoñer, de maneira arbitraria por non se axustar á lei, que estuden en castelán?

2º.- Se en vez de se trasladar á Galiza esta nai fose para Letonia, país onde se fala letón (lingua que posiblemente o xulgado madrileño non considere máis útil que o galego) e que conta con medio millón de habitantes menos que Galiza, tería a mesma celeridade en velar polos supostos dereitos das cativas e reclamaría a súa volta inmediata á custodia paterna?

3º.- E se finalmente o pai, obtida a custodia, decide trasladarse a, poñamos por caso, Ourense, quen se encarga finalmente da custodia destas menores? Talvez o Colexio de San Ildefonso?

4º.- E finalmente, acabarán por nos retirar a custodia a todos os pais e nais que pretendemos que os nosos fillos e fillas estuden en galego?

 

 

Publicado por: xoán | Outubro 26, 2009

V Congreso da CIG-ensino

A CIG-Ensino celebrou este fin de semana o seu V Congreso sob o lema: O teu sindicato a CIG-Ensino, a túa lingua o galego, poñendo así de relevo dous dos piares en que asenta este sindicato: dunha parte a súa hexemonía no panorama sindical do ensino galego e doutra o seu labor constante de defensa da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa identidade.

Canto ao primeiro elemento os datos son tan contundentes que afastan calquera dúbida sobre o acerto no labor desenvolto nos derradeiros anos: hexemonía total nas eleccións sindicais de 2006 no ensino público; incremento dun 40 % na afiliación desde o anterior Congreso; case 10.000 profesores e profesoras participando nas accións formativas desenvoltas durante o curso pasado , organizados como CIG ou conxuntamente coa AS-PG, o que constitúe a maior oferta de cursos presenciais non oficiais que se fan na Galiza, e todo isto sen esquecer o papel inherente a un sindicato: a loita constante pola mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do ensino quer para ampliar os cadros de persoal, quer para avanzar na ámbito da prevención de riscos e de saúde laboral do profesorado quer para mellorar as retribucións de traballadores e traballadoras. En todo a CIG-ensino demostrou que non é incompatíbel manter a coherencia nos principios con lograr melloras laborais para o sector e, sobre todo, que a mobilización é a arma máis efectiva, aínda que non a única, para conseguirmos os nosos obxectivos.

Nestes tempos en que todo se valora en función de resultados inmediatos e que vale máis quen máis paga, poderíamos enumerar moitos obxectivos e moitos logros da CIG-ensino, cousas concretas que melloraron as nosas condicións de traballo e tamén o propio sistema. Mais penso que non é preciso, pois o grande valor da CIG-ensino está sobre todo en lograr, coa súa actuación e o aval de millares de ensinantes, frear a implantación de modelos educativos moito máis lesivos, mais elitistas e máis selectivos dos que actualmente están implantados; creo tamén que é un mérito, mentres a tendencia xeral é converter as Organizacións Sindicais case en xestorías, que a CIG soubese manter vivo un debate intelectualmente enriquecedor e socialmente útil, sobre o sistema educativo, a súa gratuidade, o laicismo e todos os debates de fondo sobre o ensino, xa que foi a través deste debate desde onde se deu a verdadeira participación social, sempre anunciada e sempre furtada polas sucesivas administracións educativas mais atentas a implantar políticas neoliberais e en privatizar os sistemas que en atender as necesidades educativas e formativas dos cidadáns e cidadás.

A CIG –ensino chegou a este V Congreso cun nivel de unidade e cohesión interna verdadeiramente admirábel, cousa que sen dúbida xustifica e explica os éxitos logrados. Quen acredite nun sistema educativo galego, público, gratuíto, laico e democrático ten na CIG-ensino o referente, un sindicato aberto, plural, participativo.

Nos derradeiros anos mudaron moitas cousas na sociedade e nos sistemas educativos e outras moitas permanecen. Farán falta moitos anos, posibelmente, para que muden. Mais estamos convencidos de que mudarán na dirección que marcamos todos aqueles e todas aquelas que apoiamos o traballo diario da CIG-ensino. Porque a idea é boa e paga a pena, adiante!!

Publicado por: xoán | Outubro 19, 2009

Hai que unir

O sábado día 17 de outubro celebrouse en Madrid unha manifestación contra a reforma da lei do aborto; acudiron un millón dúas centas mil persoas.

O domingo 18 de outubro celebrouse en Santiago unha manifestación contra a política lingüística que o goberno de Núñez Feijoo pretende levar a cabo ; acudimos cen mil persoas.

España, segundo o censo de un de xaneiro de 2008 ten uns 46.000.000 de habitantes.

Galiza , no mesmo censo, ten uns 2.780.000.

O señor Rajoy, en declaracións a diferentes medios, entende que a presenza de tanta xente nas rúas de Madrid é motivo para presentar unha enmenda no Parlamento para que a reforma non se aprobe e xustifícao en base a que ” o de onte foi un éxito e a obrigación dos gobernantes é escoitar a xente e onte había moitos españois e outros moitos que non estaban presentes que lle estaban a dicir ao Sr. Rodríguez Zapatero: hai que unir e non dividir” (As declaracións son traducidas, non pensen que o Sr. Rajoy pasou a falar galego)

Un millón duascentas mil persoas dun censo de cuarenta e seis millóns representa aproximadamente un 2,5% da poboación; cen mil persoas dun censo próximo aos tres millóns representa perto dun 3,5% da poboación.

3,5% é máis que 2,5%; isto é, porcentualmente houbo máis asistencia á manifestación de Santiago do que á de Madrid.

O Señor Rajoy é un demócrata e supoño que cando fala da igualdade de dereitos para todos tamén inclúe os censados na Galiza.

Por iso estou certo que non terá inconveniente en presentar unha enmenda no Parlamento Galego para que non se leven a cabo as reformas que en materia lingüística está a desenvolver o seu partido, ou, xa que el non a pode presentar por non ser deputado en Santiago, que lle repita ao seu grupo político, en referencia á manifestación convocada por Queremos Galego: o de onte foi un éxito e a obrigación dos gobernantes é escoitar a xente e onte había moitos galegos e outros moitos que non estaban presentes que lle estaban a dicir ao Sr. Núñez Feijoo: hai que unir e non dividir.

Publicado por: xoán | Setembro 17, 2009

Sabemos que é posíbel

Estiven nestes días lendo un moi exhaustivo estudo de J.F Correa Arias sobre o papel da nobreza en Galiza desde o século XII ao XVI, centrándose especialmente na evolución da casa de Andrade. O libro analiza as causas que inflúen no proceso de perda de peso de Galiza no ámbito da coroa de Castela, proceso no que os Andrade teñen un papel fulcral, e os correspondentes cambios sociopolíticos que a dinastía de Trastámara propicia ou impón, coa substitución da nobreza vella por outra cuxas familias proceden do mundo militar dos cabaleiros, foráneos en grande parte, e cuxo patrimonio deriva de vender a súa forza a quen máis pague e de espoliar os seus administrados. Unha nobreza desarraigada, cuxas casas matrices estaban moitas veces fóra da Galiza, que unicamente era unha fonte de recursos. Unha nobreza carente de identificación cos intereses de Galiza, guiada só polos desexos de satisfacer os seus propios, lexítimos ou non, cousa á que dedican toda a súa enerxía, nun contexto político en que os reis de Castela necesitan a nobreza para consolidar o seu poder e os nobres venden o seu apoio a cambio de incrementar os seus beneficios, incluíndo neste grupo os bispos de Compostela, case sempre aliados do poder real, establecendo para isto un sistema de control e de goberno alleo á realidade da terra e que só favoreceu os reis e a nobreza señorial, que a cambio de lealdade política aos soberanos ven recoñecidos os seus privilexios.

Isto acontece entre os séculos XIV e XV, mais a medida que lía o libro non podía deixar de pensar no paralelismo que se dá coa situación actual, no século XXI. Se naquel período o recadado en Galiza pasaba a engrosar o patrimonio dos Zúñiga, ou dos Sarmiento, dos Benavente ou dos Enríquez de Castro, agora, cando as multinacionais e as grandes empresas ocupan o espazo da nobreza como soporte do poder, a nosa enerxía eléctrica, eólica, térmica ou hidráulica, engorda o patrimonio de empresas situadas fora do noso control, e o goberno do PP colabora imposibilitando que se poña en marcha a única medida elaborada por un goberno galego que pretendía ter un mínimo de control sobre os nosos recursos enerxéticos, especialmente os eólicos. Os gandeiros non poden desenvolver as súas potencialidades e o medio rural fica sen habitantes porque decisións tomadas ben lonxe de Galiza así o establecen, para favorecer outros intereses; coa pesca e a industria naval sucede outro tanto, sen falar das facilidades que o señor Feijoo dá para a nosa definitiva asimilación cultural ao propiciar que unha nova elite dirixente, desmesurada, verbalmente violenta e empeñada en crear un clima de desconfianza social e autoodio, carente de identidade coa terra que a sostén, todo en consonancia con esa nova mentalidade de recentralización e de unidade, goberne agora Galiza, poñendo por encima de calquera valor a perda de poder e de peso de Galiza no conxunto do Estado.

Ultimamente mesmo as decisións que afectan ao noso idioma se toman en tertulias radiofónicas ou televisivas situadas ben lonxe de aquí; ou en fundacións presididas por expresidentes, porque nesa idea de recentralización ten un papel predominante a exclusión do galego de todos os usos consolidados para o deixar á “libre elección” dos utentes .

No século XV os cidadáns galegos revoltáronse contra a extorsión nobiliar derrubando os símbolos da opresión e, embora fosen derrotados militarmente, gañaron en autoestima e dignidade, e sobre todo demostraron que era posíbel; agora, neste século XXI, as elites dirixentes non se apelidan Andrade, ou Sarmiento, mais a intencionalidade que os move é a mesma: contribuír todo o posíbel a asimilación de Galiza, sen reparar en nada e dando a volta, se é preciso, á realidade para apareceren como os oprimidos, como as vítimas que necesitan derrubar símbolos, especialmente o noso símbolo por excelencia, a lingua.

Sabemos que é posíbel frear estes ataques e temos que facelo, a non ser que queiramos que o galego, e nós con el, sexa estranxeiro na súa patria.


 

Publicado por: xoán | Setembro 7, 2009

O galego, a prioridade de Feijoo

Comeza un novo curso escolar marcado, entre outras moitas cousas,  pola intención do Goberno de derrogar o  Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretende lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación. 
Convén lembrar que foi a promulgación deste Decreto, aínda vixente e polo tanto de obrigada aplicación este curso que comeza,  o que rompeu un “aparente consenso lingüístico” que duraba desde a aprobación do Plano Xeral de Normalización Lingüística.
E dicimos aparente porque quen agora goberna Galiza cunha política lingüística que transcorre do bilingüismo harmónico para o bilingüismo cordial, eríxese en firme defensor do castelán argüíndo que se rompeu o “equilibrio” entre as dúas linguas e identificándose plenamente  coas teses de  entidades que baixo a aparencia de defender dereitos individuais procuran simplemente o monolingüísmo en español, alcumado agora bilingüismo integrador.
Mais todos e todas sabemos que o equilibrio, a fin de contas, é un concepto comprobable mediante unha simple balanza. Coñecemos o funcionamento da balanza romana:  para conseguirmos o equilibrio entre o obxecto que queremos pesar e o pilón temos que aproximar ou afastar este do punto en que pivota a barra. Canto mais o afastemos dese centro máis  peso podemos colgar.  Resulta evidente que, no momento presente, para mantermos o equilibrio entre galego e español  o contrapeso ou pilón, o galego,  se ten que afastar cada vez máis do fulcro porque o peso do obxecto a pesar, o castelán, é cada vez maior.  E  aínda así hai equilibrio, polo menos mentres  non se acabe o brazo da balanza, cousa que ben lle podería agradar á Consellaría de Educación.
Mais está claro que a sociedade galega non quere ese tipo de equilibrio desequilibrador, e aí están as manifestacións como a do 17 de maio ou as diferentes plataformas xurdidas nos últimos meses e promovidas por persoas e entidades ideoloxicamente ben dispares. Faise necesario regular e establecer outro tipo de relación entre galego e castelán, fundamentado máis  na balanza de pratos (cos diferentes contrapesos situados a igual distancia do punto de pivotación) do que na romana.
 É nesta dirección que ten actuar calquera norma que regule a presenza do galego no ensino porque é ese camiño marcado no Plano Xeral de Normalización Lingüística elaborado baixo o goberno do PP, aínda que nunca acreditou nel, e que desenvolve o Decreto 124/2007. Trátase simplemente de establecer un novo tipo de relación, fundamentado nunha relación de igualdade entre galego e castelán, colocados ambos nun prato de balanza. Só así manteremos, polo menos no sistema educativo, o equilibrio. Outra cousa é o que suceda fóra do ámbito académico, sen balanzas legais que actúen de contrapeso e onde a política seguida por este goberno é simplemente non facer nada para que todo vaia a peor.
Podemos preguntarnos a razón pola que, no tempo das balanzas dixitais que meden con exactitude o peso de cada obxecto, e aí están todos os estudos científicos realizados nos derradeiros anos que confirman a perda de peso do galego, o PP quere medir a relación galego-español no ensino coa balanza romana?  Pois porque quen algunha vez teña utilizado este instrumento para pesar, sabe que cando o obxecto a pesar ten moito máis peso que o contrapeso da balanza, un pequeno descoido pode facer que o pilón, neste caso o galego, saia disparado do brazo da balanza. Non outra cousa pretende o PP, que o galego saia do sistema educativo, ou senón que permaneza alí nun curruncho, afastado e en cuarentena.
Por iso non podemos descoidarnos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. Ese ten que ser o noso compromiso

PS.

Este goberno manifestou que o galego sería unha das súas prioridades. E está a cumprir. En pouco máis de 100 días derroga o Decreto do ensino infantil, suprime a proba en galego nas oposicións, suprime as  axudas á tradución en galego, exclúeo dos  SERGAS, fala de modificar topónimos. Quen dixo que non cumpría… O galego, a súa eliminación,  é a súa prioridade.

Publicado por: xoán | Agosto 31, 2009

Pecadores

Os cristiáns da Galiza contan desde hai un días cun novo pecado: o de limitación lingüística, pecado de validez só  local mentres o Sr.Vázquez, Don Francisco, grande pecador nesta materia, non o comunique ao Vaticano.  A mentora desta nova falta é Dona Pilar Farjas, Conselleira de Sanidade,  que acaba de o incluír no catálogo de pecados: “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua” parece ser que dixo como participante na Semana de Teoloxía e Pastoral que organiza cada ano a Fundación Fogar Santa Margarita, na Coruña, onde tamén defendeu o seu compromiso cristián e a súa convicción de que a actuación política debe vivirse desde a fe.

Creo entender que se está a referir á lingua española e á hipotética limitación de usos que sofre na Galiza mais non vou pecar de  mal pensado e aceitarei que tamén inclúe a limitación de usos que o galego sofre e mesmo recoñece, farisaicamente, o Partido Popular.

Consecuente co seu pensamento, debería evitar rodearse de pecadores e falar  co Conselleiro de Educación para lle dicir que  é pecado ignorar que o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo está aínda vixente por máis que lle pese e é polo tanto unha norma que se debe cumprir, con independencia de que o goberno teña intención de o derrogar. Non cumprilo, na norma civil, chámase delito e é sancionábel, mais acepto que lle chame pecado e lle impoña unha penitencia ao Sr. Vázquez, Don Jesús. Tamén lle  podería dicir que dilapidar diñeiro publico en cambios de logos para poñer a galiña da pluma azul antes que o ovo dunhas escolas infantís de calidade  é pecado, por non dicir malversación.

Dona Pilar, que anima os cristiáns, supoño que se poderá estender a todos os cidadáns e cidadás sexan de outras crenzas ou de ningunha, a reflexionar sobre as repercusións morais das accións dos gobernantes debería falar co goberno en pleno, e en especial co seu Presidente,  para lle explicar que é inmoral  contribuír desde o Goberno a dividir a sociedade desenvolvendo políticas apoiadas en mentiras, ou en ideas falsas  en nome da liberdade individual duns poucos (quen non lembra a idea da imposición lingüística?).

“Somos la presencia viva de Jesús en la sociedad”, proclamou Farjas;  “Eu non vin para chamar os xustos, senón os pecadores”  dixo Xesús Cristo nun encontro con publicanos e fariseos. Ao mellor o Goberno  galego inspira a acción de goberno nesta idea para chegar ao ceo, a un ceo sen un sistema público de ben estar social; sen lexislación en materia lingüística no ensino; no que  Galiza non poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; no que non poidamos ser donos da nosa produción agrícola; no que non teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. Ao ceo dun país asimilado, aínda que para iso millares de galegos e galegas permanezamos no purgatorio, agora que   Ratzinger fechou  o limbo dos xustos. Pero temos esperanza e non renunciamos a alcanzar a gloria, a gloria de vernos libres dun goberno teocrático que actúa e lexisla contra a propia razón de ser de Galiza.

 

Older Posts »

Categorías