A política lingüística neste País desenvólvese con directrices claramente contrarias ao que sería necesario, non digo xa para avanzar, mais para non seguirmos retrocedendo no que a usos e presenza pública do galego se refire. Cun Plan Xeral aprobado no Parlamento por unanimidade en 2004, que agora o PP se empeña en non considerar, cuns inquéritos realizados nos centros educativos e agora perdidos non se sabe en que sala de San Caetano, cando se tiña prometido que en poucos días se darían datos (a verdade é que tanto dá, pois se hai que cumprir programa electoral xa sabemos cal vai ser o resultado), cunha política de persecución do galego no interior do país, pois resulta que o urxente é criar oito lectorados máis, polo visto co obxectivo de difundir a lingua propia no exterior.
Non vou ser eu quen negue a importancia de dar a coñecer a lingua e a cultura galega no exterior, mais quero lembrar aos responsábeis da política lingüística deste Goberno –desde o Sr. Lorenzo ao Sr. Vázquez, sen esquecer o Sr. Feijoo, que unha lingua non se perde porque non a aprendan os estranxeiros, senón se deixan de a falar aqueles e aquelas que a saben.
E aquí é onde se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral, incapaz de contrarrestar a presión de algunhas entidades e persoas cunha forte capacidade de incidencia no actual goberno. Desenvólvense en paralelo políticas de promoción exterior con outras de destrución interior, mais non vexo nada que diga respecto á necesidade de, dunha vez por todas, explicar a todos os galegos e a todas as galegas por que é necesario falar galego, porque é necesario que o sistema educativo teña como lingua vehicular o galego, que vantaxes ten, nun mundo globalizado medrarmos na nosa lingua para desde ela aprender unha ou dúas ou as que cada quen poida, a máis.
Na Galiza, o galego segue a estar en acusada relación de inferioridade, en todos os ámbitos, co español e os informes que se dan a coñecer son cada vez máis pesimistas. Sería desexábel que os responsábeis da Política Lingüística comprendesen que non é tan urxente ir ensinar galego alí onde non o saben como desenvolver políticas normalizadoras aquí, na casa, onde hai aínda moitos e moitas por converter á nosa lingua, entre eles varios membros do Goberno.
Non deixa de ter o seu aquel que se poda “aprender” galego en Salvador de Bahia, onde xa o falan, e se cuestione o dereito a aprender galego na Galiza. Exportamos lingua e destruímos País.
Durante o mes de maio, e parte do de xuño, púidose visitar na Coruña, na Casa Casares, unha exposición titulada “De hoxe para sempre” centrada nos textos do Manifesto Nacionalista de Lugo de 1918. Un panel, que leva por título “A roxa labarada alumea a campía” fai referencia aos movementos agrarios de comezos do século XX, sintetizados no anteriormente citado verso de Cabanillas. Cabanillas, igual que Curros ou Rosalía antes e Manuel María despois, interpretaron e tomaron posición sobre os procesos de transformación que ao longo dos anos afectaron o agro galego, sabedores de que na Galiza, as loitas labregas foron sempre a vangarda de posteriores conquistas sociais. Hoxe o medio rural está a atravesar momentos de dificultades como seguramente nunca antes pasou. Cun despoboamento crecente, só momentaneamente freado durante os derradeiros tres anos, grazas ás políticas postas en marcha pola Consellaría do Medio Rural dirixida por Suárez Canal, Galiza enfróntase ás consecuencias derivadas da Política Agraria Común, ademais, claro é, de estar sometida ao proceso de globalización que leva consigo a destrución das nosas estruturas produtivas, non só as agrícolas. Posiblemente todos e todas coincidamos na necesidade de aumentar a toma de conciencia de toda a sociedade sobre a problemática agrícola, porque Galiza precisa un medio rural vivo, cunha agricultura economicamente viábel, onde non se cuestione o dereito a producir a prezo xusto e que garanta a seguranza alimentaria de toda a sociedade. Unha agricultura que aporte traballo, riqueza e calidade ambiental e dirixida cara a revitalización do medio rural. Porque temos dereito a producir, porque non somos un país pobre nin unha sociedade dependente, porque temos recursos, temos que apostar por un medio rural vivo. Para iso son necesarias melloras nas políticas agrarias que permitan aos labregos e ás labregas vivir dignamente; mais tamén, e non teñen menor importancia, son precisas políticas educativas, culturais e de servizos, elementos imprescindíbeis para podermos falar dunha sociedade rural moderna que tamén ten dereitos, e que, cando llos negan, está disposta a defendelos. Como o fixo Rosalía, Curros, Cabanillas ou Manuel María e como o debería facer o Goberno Galego pois, non o esquezamos, a sociedade galega ten un grande tributo a pagar a todos os labregos e labregas que nos precederon, por seren eles, en boa medida, os artífices da ordenación do territorio, e porque sabemos que a eles corresponde o maior coñecemento, o uso e a conservación da biodiversidade.
Na entrada da web en español temos
E na entrada en inglés podemos ver isto 