Punto de partida ou punto de encontro

Anda estes días a Consellaría de Educación a traballar intensamente na elaboración de nova regulamentación para o próximo curso escolar, e entre esta está o Proxecto de decreto polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a promoción do galego no ensino, no marco da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación.

Xa se teñen feito moitas valoracións sobre este texto, e de todas elas poden desprenderse dúas posicións xenéricas: para uns é un bo punto de partida e para os outros é un bo punto de encontro.

Resulta evidente que existen razóns máis que sobradas para argumentar a necesidade dun novo marco legal que aborde a presenza do galego no ensino como idioma da docencia, da administración e mesmo das relacións persoais, se se quixer e de todos e todas son coñecida as tres máis argumentadas: necesidade de adaptalo á LOE, á Carta Europea das Linguas e ao Plano Xeral de Normalización Lingüística.

A simple adaptación a estes tres parámetros supón, evidentemente, unha diferenza considerábel na cobertura legal para a normalización lingüística no ensino con respecto ao anterior marco xurídico. De aí a valoración positiva destas medidas, en tanto en canto significa un paso adiante ao tempo que dá resposta a unha demanda social prolongada no tempo.

Mais hai cuestións que o decreto debería recoller de cara á súa aplicación efectiva, se queremos que o paso adiante sexa realmente unha mudanza nas tendencias e, sobre todo, se non desexamos que aconteza o que sucedeu co anterior decreto. Cuestións que aparecen abertas no Decreto e que son de importancia para o seu desenvolvemento, como poden ser establecer as materias de obrigada impartición no Bacharelato ou concretar aínda máis na FP, deben explicitarse axiña. Ao lado destas, hai cuestións verdadeiramente importantes, como definir cales son os ámbitos lingüísticos non galego falantes ou o modelo de formación do profesorado, onde se debe facer fincapé na competencia sociolingüística e non só na vocabular.

Agardamos que esta proposta da Consellaría sexa só a liña de saída cara á galeguización plena do sistema educativo, unha galeguización imprescindíbel e inadiábel na expresión e necesaria nos contidos. Por iso, agora que tamén se están a facer públicos os novos currículos derivados da LOE, sería oportuno abordar a galeguización dos contidos, planificando o sistema en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais.
Estará disposta a Consellaría de Educación a buscar tamén aquí un punto de encontro?
A iso chamaría eu un bo punto de partida.

Deixar un comentario

Arquivado en Artigos

Deixar un comentario